Friday 13 de September de 2024

Neda consegue cofinanciamento autonómico para renovar o mobiliario da súa biblioteca municipal


Neda ten previsto levar a cabo durante o 2024 a renovación da biblioteca municipal. O Concello, co apoio autonómico, investirá na modernización do mobiliario deste centro cultural, mellorando a súa funcionalidade e actualizando a súa imaxe.

O paso do tempo fixo que parte do mobiliario da biblioteca, fundada no ano 1982, xa non se atope en condicións óptimas, facéndose necesario sobre todo o cambio de estanterías para, entre outras cuestións, garantir a axeitada conservación dos fondos dispoñibles tanto para a consulta en sala como para o préstamo domiciliario.

E a renovación da sala de lectura proxectada pola administración local vén de acadar o respaldo da Consellería de Cultura e Lingua. O departamento autonómico aportará 19.000 euros para cofinanciar o subministro de mobiliario, no marco das subvencións a entidades locais para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais.

A biblioteca municipal é un dos servizos centrais que oferta a Casa da Cultura de Neda. De feito, o centro, que sumou 97 novos socios/as ao longo do 2023, gañou peso durante os últimos meses como espazo de encontro con actividades de dinamización infantil e coa recuperación de proxectos como o seu club de lectura. A dotación de novo mobiliario contribuirá a facer máis cómodo o servizo tanto para as persoas usuarias como para o propio persoal do centro.